O Consello da Xunta aprobou hoxe o Decreto polo que se desenvolve o reinvestimento dos ingresos obtidos polos montes veciñais en man común en actuacións de posta en valor e multifuncionalidade. Esta norma ten como finalidade principal mellorar e protexer o monte, co fin de asegurar a súa sustentabilidade no tempo.
O decreto desenvolve a Lei de montes de Galicia, que estableceu, como norma xeral, unha cota mínima do 40% de reinvestimento para a mellora e protección forestal de todos os ingresos xerados por estes montes, co fin de promover un desenvolvemento sustentable dos terreos forestais. Con esta norma clarifícanse as actuacións e prazo de reinvestimento a que teñen que ser dedicados parte dos ingresos xerados polo monte veciñal.
Nestes terreos estanse a realizar aproveitamentos dos diferentes recursos que produce o monte (pasto, biomasa, madeira, castañas, cogomelos…) e estanse a desenvolver diferentes actividades e usos (produción eólica, actividade extractiva, vitivinícola, sociorrecreativa, etc.) que xeran ingresos dun xeito continuado. Por iso, parte destes ingresos deben ser novamente investidos no seu propio monte, que poderán ser de ata o 100% para o caso dos xerados a partir dos produtos resultantes de incendios forestais, pragas ou temporais.
Prazo de reinvestimento
Como os prazos en materia forestal son longos e os reinvestimentos deben ser acompasados a esta realidade, a Lei de montes de Galicia fixou un período máximo de catro anos contados a partir do ano seguinte a que se produciu o ingreso para realizar o reinvestimento das cantidades obrigadas.
No caso de que se tivese que exceder o dito prazo, e sempre de forma xustificada, a comunidade de montes veciñais en man común (CMVMC) podería presentar un plan de investimentos plurianual que, tras a súa aprobación administrativa, faría posible alongar estes prazos.
Ademais, naqueles casos en que o nivel de cumprimento do plan de xestión forestal do monte veciñal requira dun investimento menor poderá aprobarse unha porcentaxe de reinvestimento inferior.
Esta norma clarifica e asenta unha necesaria seguridade xurídica para as CMVMC co fin de levar a cabo o reinvestimento de ingresos nos seus propios montes. Así, establece unha relación clara e clasificada das actuacións en materia de protección e mellora do monte que poden ser obxecto de execución e financiadas polos obrigados reinvestimentos.
Máis de 3.000 comunidades
Galicia ten máis de 3.000 comunidades de montes veciñais en man común compostas por máis de 150.000 galegas e galegos que posúen a condición de veciños comuneiros. Isto supón unha superficie dunhas 660.000 hectáreas, é dicir, que o 33% da superficie total de Galicia ten a natureza de monte veciñal en man común.
Estas comunidades están a obter ingresos continuadamente polo aproveitamento dos seus recursos e actividades, polo que é necesario que unha parte ou porcentaxe deses ingresos sexan reinvestidos en actuacións para a posta en valor e multifuncionalidade dos seus propios montes. Para verificar o cumprimento desta obriga, as CMVMC deben comunicar anualmente estes reinvestimentos á consellería competente en materia de montes.