O acondicionamento do miradoiro do Cortelliño, a piques de finalizar
Alberto Rodríguez
As obras de acondicionamento da contorna do miradoiro do Cortelliño, considerado o balcón do Val Miñor ao estar situado a case 600 metros de altitude na Serra da Groba, están a piques de rematar. Desde o Concello aseguran que tan só falta o acondicionamento de zonas axardinadas, polo que a próxima semana podería estar todo listo, cumprindo así o prazo de dous meses previsto.
Os traballos, anunciados o pasado 14 de agosto nunha visita da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, consistiron na adecuación da zona a través dun percorrido natural que termina nun miradoiro cara as espectaculares vistas que ofrece o terreo, desde onde pódese divisar a baía de Baiona e as rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, as Illas Cíes ou as Ons.
O paseo iníciase ao lado da estrada e acondicionouse un pequeno espazo para o aparcadoiro de tráfico rodado con prazas para autobuses e turismos, entre as cales se encontrarán prazas para discapacitados. O material utilizado para a zona do paseo é fundamentalmente xabre.
A nova plataforma-miradoiro construíuse en madeira como unha ampliación da estrutura existente, alcanzando unhas dimensións de 56,10 metros cadrados, o que supón un significativo aumento do espazo. Ademais, colocáronse cinco bancos para que baioneses e visitantes poidan gozar das singulares vistas que ofrece este miradoiro encravado nun marco inmellorable. Tamén se instalaron papeleiras e carteis explicativos para que os visitantes saiban o que están a divisar.

A Xunta de Galicia concedeu o proxecto a través das subvencións aos Concellos para o fomento, accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos en medio rural (Feader) no marco PDR de Galicia, financiado ao 100% polo ente autonómico. O Concello de Baiona tan só terá que facer fronte ao IVE.
O miradoiro do Cortelliño, ademais das súas impresionantes vistas, ten a peculiaridade de que se trata dun dos poucos miradoiros aos que se pode acceder directamente en vehículo a través dunha calzada perfectamente asfaltada e acondicionada para o tránsito.
Tags
Ningún comentario:
Publicar un comentario