Nava Castro comproba o resultado das obras de acondicionamento do Miradoiro do Cortelliño

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co alcalde Baiona, Ángel Rodal, e a concelleira de Turismo, Beatriz González Pérez, visitaron as obras de acondicionamento do Miradoiro do Cortelliño realizadas no marco da liña de subvencións de Turismo de Galicia para a sinalización e accesibilidade dos recursos turísticos no medio rural.
A responsable de Turismo da Xunta explicou que o obxectivo desta intervención é dotar ao miradoiro das infraestruturas e sinalización adecuadas para que sexa un recurso turístico.
“Mediante estas subvencións impulsamos a mellora da accesibilidade física e a sinalización de recursos turísticos coma os espazos naturais, miradoiros e rotas de sendeirismo, praias marítimas e fluviais e Bens de Interese Cultural, que constitúen un gran atractivo para os que nos visitan”, explicou Nava Castro.
Os traballos consistiron na adecuación da zona a través dun percorrido natural que termina nun miradoiro cara as espectaculares vistas que ofrece o terreo.
O paseo iníciase ao lado da estrada e acondicionouse un pequeno espazo para o aparcadoiro de tráfico rodado con prazas para autobuses e turismos, entre as cales se encontrarán prazas para discapacitados. O material utilizado para a zona do paseo é fundamentalmente xabre.
A nova plataforma-miradoiro construíuse en madeira como unha ampliación da estrutura existente, alcanzando unhas dimensións de 56,10 metros cadrados, o que supón un significativo aumento do espazo. Ademais, colocáronse cinco bancos para que baioneses e visitantes poidan gozar das singulares vistas que ofrece este miradoiro encravado nun marco inmellorable. Tamén se instalaron papeleiras e carteis explicativos para que os visitantes saiban o que están a divisar.
A Xunta de Galicia concedeu o proxecto a través das subvencións aos Concellos para o fomento, accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos en medio rural (Feader) no marco PDR de Galicia, financiado ao 100% polo ente autonómico. O Concello de Baiona tan só terá que facer fronte ao IVE.
O miradoiro do Cortelliño, ademais das súas impresionantes vistas, ten a peculiaridade de que se trata dun dos poucos miradoiros aos que se pode acceder directamente en vehículo a través dunha calzada perfectamente asfaltada e acondicionada para o tránsito.



Ningún comentario:
Publicar un comentario